Páxinas

28/11/23

Investigar, criar e cultivar

Hai semanas nas que o ritmo no colexio é frenético e non sempre podemos dar conta de todas as cousas que imos facendo. Nos vindeiros días, tentaremos deixar constancia dalgunhas actividades relacionadas coa biblioteca e co noso proxecto "A granxa dos Pequechás" que fomos desenvolvendo nas últimas xornadas.

Hoxe queremos informar sobre o noso invernadoiro. Como ben sabedes foi instalado no curso pasado dentro do proxecto "A horta dos Pequechás" pero este curso segue plenamente activo, enchéndose de novo de cultivos diversos e aproveitándose de todo o aprendido no ano anterior. Así mesmo, seguimos atendendo o noso galiñeiro, criando novos pitiños coa axuda de Avimos e temos xa todo preparado para recibir a nova inquilina da nosa "granxa": unha ovella de raza galega.

Dende o almacén de Gemma e José Luis chegaron ao centro repolos, leitugas, allos, porros e chícharos que habían compartir espazo cuns tomates cherris ventureiros que fóra de época queren loitar contra o inverno chairego (xa veremos que é deles). Antes de nos poñer mans á obra, pasamos por Biblioromán para aprender algunhas cousas sobre o cultivo destas plantas e despois -cheos de saber e de ganas- procedemos ao transplante, cada curso na parcela que ten asignada e que deberá coidar e regar durante todo o ano.



Ningún comentario:

Publicar un comentario