Páxinas

17/10/23

Tempo do outono. Tempo de contos

O verán rematou, as colleitas van quedando xa gardadas nos hórreos ou nos silos, os días minguan, a noite medra e os galegos ímonos metendo na casa. É este tempo, como moitos outros, e do mesmo xeito que o foi para os nosos antergos, propicio para botar a imaxinación a voar, e contar. Contar como contaban os avós (e as avoas) esfollando no millo ou comendo unhas castañas a carón da lareira.

Co obxectivo de traballar a expresión e a comprensión escrita, os hábitos de escoita e respecto polo traballo e opinión das demais persoas, así como as habilidades lectoras e o gusto pola lectura; proponse a seguinte actividade.

Os nenos e as nenas deberán elaborar na aula contos ou debuxos relacionados co tempo de outono, o Samaín ou -en xeral- "historias de medo". Tamén podería ser interesante que incluísen como temática complementaria a granxa, a horta, ou algún animal doméstico... (en liña co proxecto da biblioteca deste curso: A granxa dos Pequechás). As historias deben ser de autoría propia. Espremede os miolos e sede creativos!

As mellores obras de cada curso recibirán un premio e todos un pequeno agasallo por participares. Así mesmo, todos os contos e debuxos farán parte dun Libro do outono que pasará a engrosar os fondos da biblioteca da Escola.

 


Ningún comentario:

Publicar un comentario