Páxinas

13/10/23

Visita a Tropic Gaia

O pasado día 11, o alumnado de segundo, terceiro e cuarto de Primaria desprazámonos deica Morás (no concello de Xove) para coñecer Tropic Gaia da man de Andrea González. Contounos que hai moitos anos seu pai plantara por afección varios pés de kiwi e que a produción fora inmensa, inundando desta froita (naquel tempo moi éxotica) toda a parroquia, feito que lle valeu o sobrenome do "tolo dos kiwis", nunha época na que aquela planta era totalmente descoñecida por estas latitudes.

Explicounos tamén como o seu paso por varias cidades para realizar os seus estudos levouna ao convencemento de querer vivir nunha aldea, feito que a empurrou de volta á casa coa intención de emprender unha actividade no eido da produción de alimentos. Co obxectivo de poder facerse un oco nun mercado xa daquela complicado pensou en atopar un produto no que non houbese competencia: aí apareceu na súa vida a pitaia, a froita do dragón, e ela converteuse na "tola das pitaias".

Na nosa visita aprendemos moitas cousas sobre o seu cultivo, as necesidades da planta, o proceso de polinizado manual e individual de cada unha das flores e ata puidemos colleitar algunha e degustalas xunta doutras froitas exquisitas que cultivan na mesma explotación: fisalis e amorodos.

Como colofón á visita trouxemos canda nós un libro dos Bolechas, no que se conta a historia de Andrea e doutros produtores ecolóxicos da provincia, e unha planta de pitaia para cada un.

Grazas á Andrea pola súa paciencia e hospitalidade, e á ANPA e á Deputación por facer posible esta saída tan interesante para o proxecto deste ano.












Ningún comentario:

Publicar un comentario