Pasado o Entroido, chegou á escola e á súa biblioteca o Día de Rosalía. Foron diversas as actividades que en todas as aulas estivemos a desenvolver para nos achegar á vida e á obra desta precursora das nosas Letras. A nivel de centro escollemos traballar cos primeiros versos do poema número 16 de Cantares Gallegos, poema no que Rosalía fala do medo que lle produce un moucho na noite escura e de como ela é quen de conxurar este medo. Aproveitamos este traballo para abordar os nosos medos e foron xurdiron coplas ben fermosas e curiosas coma esta que propón Íker Castro:
Eu ben vin estar o lobo
enriba daquela rocha.
Eu xa non che teño medo,
eu voume cantar con Concha.
Tamén acudimos á música e á plástica para a conmemoración deste día, pintando mouchos e a efixie da escritora e gozando coa canción que sobre estes versos fixo Migallas, no seu marabilloso Pan de Millo.
Segue avanzando o curso paseniño e desta volta tocou este alto no camiño para lembrar a tan importante persoeira da nosas cultura, de quen outra das nosas poetas, Luz Fandiño, dixo:
"Non hai galego de lei que non sinta a Rosalía dentro da ialma..."
Ningún comentario:
Publicar un comentario